I concurso fotográfico “Pedra Sacra – Christina Snellman”

A Asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada convoca o I Concurso Fotográfico “Pedra Sacra – Christina Snellman.

Quixo contar coa colaboración de diferentes asociacións que desenvolven a súa actividade na comarca de Chantada polo que solicitou a presencia dun membro da Asociación Fotográfica Chíscalle.

A convocatoria pódese consultar aquí:

https://www.facebook.com/notes/asociaci%C3%B3n-amigos-de-manuel-jorge-de-chantada/i-concurso-fotogr%C3%A1fico-pedra-sacra-christina-snellman/292003351319059/

Dende Chiscalle aportamos o seguinte mapa interactivo que facilita o Ecomuseo de Arxeriz onde localizar as igrexas románicas da zona:

http://www.sotodefion.org/salas_etnografia.htm#mapa

 

Publicación da Asociación: ASOCIACIÓN AMIGOS DE MANUEL JORGE DE CHANTADA

I concurso fotográfico “Pedra Sacra – Christina Snellman”

A Asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada convoca o I Concurso Fotográfico “Pedra Sacra – Christina Snellman”, coa finalidade de contribuír a aumenta-lo interese no románico da comarca de Chantada a través das miradas diferentes dos/das artistas participantes. Unha actividade que ten lugar na nosa asociación por dous motivos: por ser o románico parte responsable de que Manuel Jorge se namorara da arquitectura e por ser Chantada o seu lugar de orixe e aprendizaxe base. Constitúe ademais unha homenaxe en lembranza de Christina Snellman, compañeira de vida do arquitecto e pintor chantadino.

BASES:

· TEMÁTICA
A temática das fotografías será sobre a arquitectura románica da comarca de Chantada, que abarca os concellos de Taboada, Chantada e Carballedo.
· PARTICIPANTES
Está aberto a tódalas persoas interesadas no tema, sexan afeccionadas ou profesionais da fotografía, de calquera país e idade (as persoas menores de 18 anos deberán presentar a correspondente autorización materna ou paterna).
· OBRAS
Cada participante poderá presentar un máximo de DÚAS fotografías, en cor ou en branco e negro, podendo acceder soamente a un dos premios. As pezas non poderán ter sido premiadas noutros concursos e as persoas participantes responsabilizaranse de calquera reclamación que poida xurdir no que se refire a dereitos de imaxe. O autor ou autora é libre de realizar as fotografías como desexe e dende onde crea oportuno, sempre que trate con respecto o espazo no que se atopa. Valorarase a creatividade e calidade técnica; pero non se aceptarán colaxes, montaxes, fotografías pintadas nin excesivamente manipuladas.
· TAMAÑO E PRESENTACIÓN
Ningunha das fotografías presentadas poderá exceder no seu lado maior de 40 cm., nin este poderá ser inferior a 24 cm. As fotografías deberán estar impresas en papel fotográfico de calidade profesional e presentaranse montadas sobre un paspartú de 40 x 50 cm, cor branco cru ou negro.
· PLICAS
Indicarase o pseudónimo e o título da fotografía no reverso do paspartú. Estes mesmos datos figurarán no reverso dun sobre pechado para a súa identificación. No interior do sobre indicaranse os datos persoais: nome, apelidos, NIF, enderezo, teléfono, correo electrónico e pseudónimo utilizado. Tamén os datos fotográficos: localización da fotografía, datos EXIF e un comentario no que o autor ou a autora tratará de expresar a súa motivación ante a obra no momento de realizar o seu traballo. Dito sobre abrirase despois da valoración das fotos por parte do xurado. O pseudónimo será o mesmo no caso de presentar dúas fotografías. Deberase incluír tamén un CD coas fotos presentadas, en formato JPG á máxima calidade. No caso de que non se cumpran estes condicionantes, as fotos quedarán descualificadas.
· PRAZO
O prazo para a presentación das fotografías será dende a inmediata publicación destas bases ata o luns, 16 de Abril do 2018, na Asoc. Airoá Comunicación: Rúa Taboada, 1, baixo, 27500, Chantada (Lugo). Tlf de contacto: 652873522
· XURADO
O xurado estará formado por tres persoas da comarca de Chantada cualificadas no campo da fotografía e/ou a arte e membros das seguintes asociacións chantadinas: Asoc. Fotográfica Chíscalle, Asoc. Amigos do Románico, e Asoc. Amigos de Manuel Jorge. O secretario desta ultima asociación actuará como secretario do xurado, non tendo dereito a voto e levantando acta trala resolución. A organización comunicarase coas persoas premiadas por teléfono ou por correo electrónico.
· EXPOSICIÓN E CATÁLOGO
A asociación editará un catálogo coas fotografías premiadas, así como coas fotografías seleccionadas. Ao pé de cada fotografía, figurará o nome do autor ou autora e o seu comentario. Se o xurado o estima oportuno, poderá incluír no catálogo algúns comentarios, a pesar de que as correspondentes fotografías non fosen seleccionadas. Con todo este material, a asociación organizará unha exposición, durante o ano 2018, nas datas que se concretarán coa suficiente antelación, nun dos espazos expositivos de Chantada.
A entrega de premios realizarase o día da inauguración.
· PREMIOS
  • Premio á mellor foto en branco e negro: 1.000,00 €
  • Premio á 2ª mellor foto en branco e negro: 400,00 €
  • Accésit I : 100,00 €
  • Accésit II : 100,00 €
  • Premio á mellor foto en cor: 1.000,00 €
  • Premio á 2ª mellor foto en cor: 400,00 €
  • Accésit I : 100,00 €
  • Accésit II : 100,00 €
· OBSERVACIÓNS
No caso de que non se cumpran os condicionantes expostos anteriormente, as fotografías quedarán descualificadas.
A participación no concurso implica a plena aceptación das bases e non se admitirá ningún recurso ou apelación trala resolución. Si con posterioridade á concesión dos premios se tivese coñecemento de anomalía ou incumprimento das bases, procederase á revogación do mesmo, recorrendo a calquera forma adecuada dentro do ordenamento xurídico.
Se as obras presentadas non alcanzasen a calidade necesaria, a criterio do xurado e por unanimidade, os premios poderán ser declarados desertos.
Tratarase co máximo coidado as obras recibidas, declinando toda responsabilidade no extravío ou accidente que se puidese producir.
A Asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada terá o dereito de reprodución das fotografías premiadas, sempre nomeando ao seu autor ou autora, que poderán ser utilizadas libremente e sen compensación económica. En certos casos e se o considera oportuno, tamén poderá cedelas ás asociacións colaboradoras no concurso. En calquera caso, será sempre coa finalidade de dar impulso ás actividades das entidades (carentes de ánimo de lucro). As fotografías non premiadas, pero si seleccionadas, poderán ser empregadas baixo as mesmas condicións por un máximo de dous anos desde o remate da exhibicón.
· DEVOLUCIÓNS
Non se devolverá nada das fotografías premiadas. Das seleccionadas poderase recoller a foto, pero será preciso deixar o CD e o sobre para a elaboración do catálogo e o uso anteriormente citado. O resto delas poderanse retirar no lugar de entrega chamando antes ao teléfono de contacto para asegurar a presenza de persoal. Devolveranse por correo só aquelas obras que veñan acompañadas dun sobre prefranqueado. Establécese un prazo de 60 días a partir da clausura da exposición para a súa retirada. Transcorrido este tempo entenderase que os autores ou autoras renuncian a calquera dereito sobre as fotos presentadas.
Para ver as imaxes en mellor calidade pinchar encima: