Da fotografía á imaxe: nacemento dun texto visual

Taller con Carlos Puga.

Entramos no 2017 coa teima de evolucionar como colectivo e tamén a nivel individual, coa inquedanza de esquecer o termo de instantánea polo de historia, por suprimir o disparo impulsivo pola creatividade e por conseguir o difícil obxectivo de transmitir algo coas nosas imaxes. Por iso, a fin de semana do 20 ao 22 de xaneiro, atenderemos á máis que interesante proposta de Carlos Puga para desenvolver un proxecto creativo que dará vida ao nacemento dun texto visual.

Nun ambiente cercano e distendido exploraremos, intercambiaremos ideas e aprenderemos a partir da análise do propio traballo e máis do que compartan o resto de participantes. Xuntarémonos na casa rural o venres pola tarde para presentarnos e coñecernos, para ter unha primeira toma de contacto en torno á paixón que nos une. Estreitaremos lazos e colleremos confianza durante a cea e posteriormente comezaremos co traballo visualizando diversos audivisuais e unha película como detonante da reflexión e o debate. Non haberá apuro pois quedaremos a durmir na propia casa rural facilitando así que interactuemos e profundicemos nos temas propostos.

Cada un deberá traer fotos de proxectos que xa teña realizados, plantexados ou aqueles que aínda non saiba por onde meterlle man. Non é preciso que veñan impresas en papel fotográfico nin cunha gran calidade, mesmo nun folio normal será suficiente pois do que se trata será de buscarlle un sentido, de atopar unha identidade expresiva a partir da cal dar renda solta á creatividade e orientar o noso esforzo.

Trátase de construir un discurso de saber como contar ou mesmo de descubrir que temos que dicir a través das nosas imaxes. Abofé que nos enriqueceremos fotográfica e, sobre todo, persoalmente todos xuntos!

 

 

Da fotografía á imaxe; nacemento dun texto visual

Fagamos do aprendido en fotografía algo serio, non abonda con facer fotografías boas, nós fotografiamos para contar algo, para expresarnos.

Non creo que “unha imaxe valga máis ca mil palabras, nin que unha palabra valga máis ca mil imaxes, digamos que mil imaxes valen igual ca mil palabras!”, por iso, imos facer mil imaxes e con elas escribiremos un texto, un texto visual e a través do cal imos contar algo, algo que nos interesa, que nos preocupa ou que nos fai sentir ben. Imos empregar a fotografía coma o noso medio de expresión.

Este taller será o inicio dun camiño á elaboración dun posible proxecto fotográfico, de pautas para buscar imaxes que nos permitan contar o que nos interesa transmitir, lonxe de criterios máis académicos, deixándonos levar na procura de imaxes máis frescas. Aprenderemos a enlazalas na procura dun bo texto, traballando na fronteira do real e do irreal, creando así a nosa linguaxe, a nosa propia obra. Atoparémonos cunha nova fotografía.

Todos, cando comezamos a facer fotografías dun xeito xa serio, o noso primeiro pensamento e maior desexo é ver esas imaxes publicadas, expostas, queremos colgalas xa, digamos que ata nos pode valer calquer lugar. Busquemos como facelo, cando facelo, onde facelo e de que xeito e teñamos paciencia. Unha cafetería ou un museo son bos lugares, pero só despois de cavilar: por que? para que?

  • Cando creamos algo non o facemos para fardalo, facémolo para expoñelo e compartilo
  • Como imos facer escoitar e amosar a nosa fotografía, o noso proxecto, aos demais?
  • Narramos coa nosa fotografía, coa nosa linguaxe, non narramos cunha estética prestada, sexamos nós mesmos
  • A educación, unha aprendizaxe, un saber, un interese, vainos levar a traballar en proxectos onde imos falar sobre nós, sobre o que nos rodea. Imos narrar, imos expresarnos sobre as cousas que son do noso interese.

Onde faremos o taller.

O taller será impartido nun sitio máxico e cheo de calor…

 

Datos para participar no taller.

Días de taller: Venres a noite, Sábado todo o día e Domingo todo o día.

Casa De Aldea – zona de Chantada (máis información na suscripción).

Fixemos dous prezos para poder asistir o taller, un de pensión completa e outro de media pensión para os que non queiran quedarse a durmir, pero a maiores tedes a opción de cear con nós, e logo ir durmir a casa.

Temos 11 prazas para durmir, será con habitacións compartidas.

Na propia casa onde se imparte o taller faremos as comidas.

Prezo de media pensión: 98€ Taller e xantar.

Prezo pensión completa: 168€ Taller, comidas, cenas e desaiunos.

Horario do taller:

Venres: despois da cea teremos un pase de video e fotos.

Sábado: De 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 con paradas para o café, depois da cea seguiremos con fotos e proxeccións.

Domingo: de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a rematar.

Cada ún pode traer os seus traballos ou proxectos ainda que estén sen rematar.

Tamén se tedes algún video estaría ben poder traelos para a noite debatir un chisco…

A intención e que non remate o taller unha vez antes da céa se non poder seguir despois para quen se queira animar a participar, e claro está que Carlos traerá o seu material.

Para participar no taller deverase pagar o importe íntegro, facilitarásevos a forma unha vez enviades a solicitude.

Se o taller fose suspendido por non cubrir as prazas mínimas ou qualquer outra cousa, devolveríase o importe total.

INFORMACIÓN DE IMPORTANTE LECTURA, CONDICIÓNS DA RESERVA E DA ACTIVIDADE:

1- En caso de que a actividade fose suspendida por non cubrir as prazas mínimas ou calquera outro impedimento organizativo por causa imputable a A.F. CHISCALLE, devolverase o importe íntegro pola mesma vía en que fixeches a tua reserva de praza.

2- No caso de cancelación por parte do asistente nun prazo de 48 horas antes do desenrolo da actividade e por motivos alleos a organización de A.F. CHISCALLE, non se procederá a devolución de ningún importe.

3- Por motivos de seguridade, nesta actividade non se admitiran menores de 16 anos, no caso de asistencia de maiores de 16 anos, istes terán que estar acompañados en todo momento dun proxenitor o tutor legal.

4- Rogamos comuniquedes se traedes algunha mascota, xa que non sempre temos a posibilidade de que sexan admitidas nos aloxamentos ofertados.

5- A praza quedará reservada por estricto orde no momento no que se faga o ingreso integro da actividade na conta bancaria.

6- Unha vez feita a reserva e ingreso aceptanse automáticamente todalas condicións anteriormente expostas.

 

Formulario para apuntarse o taller con Carlos Puga:



Elixe o tipo de pensión para o taller.



Non teño pensión completa pero quedo a cear, Custe da cea por día 10€



Comunícanos se tes un tipo de alimentación.

Comunícanos que tipo de alimentación segues:

Escríbenos se tes algunha pregunta:

 

 

 

Busquemos a nosa linguaxe. Robert Diosneau “descubrir é destruir, suxerir é crear”

 

 

 

Biografía: Carlos Puga 1967

Formado na fotografía no mundo do fotoperiodismo, desde 1989 ata o 2012 traballa para xornais de tirada nacional como El País, La Voz de Galicia, El Correo Gallego,… entre outros, actualmente sigo traballando para a revista Interviu.

Recibín o premio “José aurelio Carracedo” de fotoxornalismo de Galicia en 2001.

Durante os meus primeiros 13 anos na fotografía combino a fotografía xornalística coa industrial e a moda, sendo sobre todo no mundo da moda onde estiven como asistente.

Colaborei con TurGalicia (espazo de turismo da Xunta de Galicia) e o Patronato de Turismo de Pontevedra, con traballos fotográficos para turismo.

Desde o 2000 ao 2008 colaborei con publicacións de viaxes como Viajar, Deviajes, Geo, Traveler, Altair, Maxín,…

Do 2001 ao 2005 colaborei coas editoriais gallegas Edicións do Cumio, Edicións Xerais e Edicións Ir Indo. En Edicións do Cumio publico dous libros de autor: “O Entroido Ancestral” e “Un camiño para unha vella utopía”.

Desde o 2004 organizao e coordino os”Talleres de Fotografía Fotoxoguete” con fotógrafos como Óscar Molina, José Manuel Navia, Vari Caramés, Juan Pablo Moreiras, Eduardo Momeñe ou Ricky Dávila.

En 2006 creo a editorial de fotografía Fotoxoguete, onde se publican dúas coleccións actualmente abertas: “Fragmentos” e “dezxquince” cos autores Vari Caramés, Luís Barreiro, Raquel Castro, Carlos Puga, Nacho Gómez, Ricard Terré e Carmen Echevarría. En marzo de 2011 publícase o proxecto “caixas” de Ricard Terré.

Traballo no proxecto fotográfico “O Golfo de Fonseca” en Centro América, (El Salvador, Honduras e Nicaragua) 2009-2011, que se materializa nunha exposición que durante tres anos estivo a percorrer o territorio español, un audiovisual e un libro.

Desde 2009 comisarío e coordino varias exposicións colectivas e individuais:

  • “Polo Salnés con Ramón Cabanillas” colectiva composta por 11 autores no 2008-2009 en Cambados e Vilagarcía de Arousa
  • “Uxío Novoneyra no Courel” colectiva de dous autores no 2010
  • “animais” composta por 10 autores, anos 2011 e 2012 no Pazo Torrado, en Cambados e no Museo Municipal de Ourense
  • Exposición “de habitación en habitación” de Carmen Echevarría, comisariada xunto a Xabier Fernández en Tui 2012
  • Xunto a Xaquín Rosales, “móbil_foto_crea” no Pazo Torrado, Cambados 2013 composta por 32 autores
  • “ novex9” no Barbanza 2013, con 9 autores
  • “ territorios” galería Besada en o Grove 2014, con 9 autores
  • “Gólgota, jardín” de Juan de la Sota en Pontevedra 2015

A partires do 2010 comezo a impartir talleres de fotografía centrádome sobre todo no proceso creativo sobre un proxecto fotográfico, actividade que compaxino coa miña fotografía de autor.

En xullo de 2011 fundo xunto a Xabier Fernández e Alejandro Novoa, Copias de autor – Fine Art Inkjet, empresa que ofrece xestión integral de proxectos fotográficos.

No 2014 publicouse o meu “caderno nº1”, pertencente a unha triloxía sobre “unha autobiografía”

Exposicións individuais

  • “lume, castaña e meigas” Galería Sargadelos de Vigo, 1994 e Café La Coruñesa en Ourense
  • “Romerías” Café de Vigo e igrexa da Madalena en Ribadavia, 1996
  • “océano” na galería o Faiado en Ribeira 2014
  • “dejó que lo mataran” Galería Sargadelos de Vigo, 2015
  • Colectiva con Virginia González “todo a 50€” en Pobra do Caramiñal, 2016

Próximas

  • “océano” espacio expositivo O Forno en Bueu, 2016
  • “ninguem te condenou” na galería Halcón Milenario, 2017

Actualmente o meu traballo céntrase na miña fotografía persoal de autor e compártoo impartindo talleres de fotografía e na revisión e edición de proxectos de diversos fotógrafos.