O sábado dezaoito Silvia Mella chegou a Lalín a media mañán e viña cargada de libros de fotografía que minutos máis tarde ficaban espallados pola mesa que os/as participantes ao seu obradoiro ían ocupar logo do xantar.

Por un momento, deixáronse de lado as cámaras, os teles, os megapíxeles e os formatos raws para centrarnos na orixe de toda fotografía: A IDEA. E na procura desta idea como no desenvolvemento da mesma foi no que Silvia fixo xirar o taller. A través das obras de José Manuel Navia, Óscar Monzón, Ricardo Cases, Martin Parr, Xabier Rivas, Nan Goldin e moitos máis vimos que non é necesario aterrar no outro lado do planeta para atopar o tema que fai tremer o noso mundo.

As catro horas de taller pasaron voando de proxecto en proxecto fotográfico, coñecendo ou lembrando a autores e autoras a través de material audiovisual, visualizando portafolios na rede ou manoseando os libros cuxo contido ía completamente ligado ao seu deseño e formato de impresión.

Dende Chíscalle quedamos encantados coa proposta, marabillados por todo o respecto cara o medio fotográfico que se respiraba na aula e desexamos encher unha programación onde a reflexión e o sentimento sexa o que nos mova á hora de traballar.