O sábado 11 de abril celebrouse o roteiro Foto-literario que a plataforma Salvemos Catasós e a agrupación fotográfica Chíscalle organizamos conxuntamente para apoiar o movemento a favor da conservación das fragas e en contra do paso da liña de alta tensión que Fenosa quere instalar nas mesmas.

Durante toda a mañá máis de vinte participantes, que se achegaron dende diversos puntos da xeografía galega, camiñaron pola fraga para ir descubrindo os dez textos que ficaban pendurados das árbores co gallo de inspirar as fotografías que se debían tomar en cadanseu punto.

No transcorrer polo roteiro a lectura e o disparo das cámaras misturábase coa natureza, coa historia do propio lugar e coas vivenzas dos que por alí medraron. Como resultado, unha xornada onde a convivencia entre xs asistentes se converteu nun exercicio de memoria e nunha loita contra o esquecemento.