Hoxe cumprín 22 anos pero desexaría ter 19. Non estou moi seguro porque

odio tanto volverme maior xa que cada ano é mellor”.

Kyle Thompson, 14 de Xaneiro de 2014 , http://kylejthompson.tumblr.com/

Kyle Thompson é un fotógrafo autodidacta de norteamérica que leva pouco máis de dous anos traballando cunha cámara e xa é seguido por miles de fans, expón a súa obra por todo o mundo, publica as súas fotos en distintos medios e está a piques de editar un libro. Para entender as claves do seu éxito hai que obsevar o seu traballo tanto fotográfico como de promoción nas redes sociais, xa que son as que verdadeiramente lle brindaron a oportunidade de darse a coñecer. O certo é que Kyle desenvólvese nelas como peixe na auga, expondo as súas idas e voltas, as súas viaxes e os seus sentimentos coma se fose un diario persoal. Tanto desafoga nelas, coma alimenta as ansias de saber dos seus seguidores, resposta a todas as cuestión que lle chegan e non oculta o seu modo de traballo nin as pretensións do mesmo, en definitiva non é máis que unha estratexia para chegar a todos os rincóns do mundo. Tanto a foto como as ferramentas en internet son medios que lle permiten configurar o seu presente, o “aquí estou eu”, a constatación da súa propia existencia nun transcurrir solitario e melancólico ao mesmo tempo que se protexe do mundo real co que ten dificultades para relacionarse. Kyle Thompson é o que mostra e moito máis, está a compartir co mundo o fin da súa etapa post-adolescente, da que non fai ningún esforzo en saír e na que permanece como nunha especie de purgatorio á espera da eternidade. Iso vése reflectido tamén nas súas obras nas que usa o autorretrato como motivo central, recrea situacións surrealistas onde o tempo e o espazo se conxelan dando lugar ao misterio. Ao observar cada unha das súas composicións temos a sensación de non dar saído delas porque nos atrapan nesa atmosfera outonal, de néboa, de efectos especiais e de ensoñación.

Para el todo comeza cando abandona o lugar de residencia, ese fogar que che permite estar tan cómodo como abafado e que en moitas ocasións che obriga a buscar cobixos alternativos. As casas e edificios abandonados aos arredores da súa cidade foron o seu escondite principal, alí foi onde el atopou un punto de fuga á súa rutina e alí mesmo foi onde descubriu na fotografía o camiño exacto para unha nova aventura; a purgación do “eu interior”. A partires de entón el e a súa cámara viaxan pola xeografía estadounidense na búsqueda de novas localizacións e sensacións, para iso non conta máis que co seu coche, onde dorme a meirande parte das veces. A constancia, a crenza nas propias forzas e unha metodoloxía moi marcada son elementos esencias no seu proceso creativo. Parte de bocetos que fai el mesmo, polo que sabe de antemán que elementos son necesarios para a súa obra, que cores primarán e que tipo de luz debe haber, incluso pode atopar un lugar no que decide pasar a noite para empaparse de sensacións que logo transcribe en imaxes construídas laboriosamente. Unha vez que o acto fotográfico chega dentro do proceso creativo é capaz de repetir un centenar de veces a toma ata conseguir o resultado desexado. E o espectacular é que nunca decepciona porque nin se afasta do seu estilo nin racha as normas ás que o público xa está acostumado.

Se viaxa para afastarse da rutina dun pasado remata traballando con outra, pero desta volta é a súa propia cotidianidade, tanto é así como que esta non é máis que o seu mundo interior, os seus soños ou incluso pesadelos. Son obxectos e suxeitos repetitivos que aparecen unha e outra vez nas súas obras como o son espellos rotos, globos de látex, barcos en miniatura, teas ondulantes, corpos fragmentados sen rostros, rostros cos ollos pechados, lume, polvos, terra, auga…Con eles xoga a representar historias desfragmentadas que non posúen nin comezo nin final, das cales soamente nos deixa ver un pequeno fotograma do que non damos deducido nada, idea que se reforza ao non identificar na maioría dos casos á personaxe principal. Ademais, gusta de simplificar o corpo e centrarse só nos detalles, reforzando esa ambigüidade de non saber de onde proceden ou onde están unidas as partes e cara a onde se dirixen. Con todos os elementos cos que xoga edifica un novo mundo que a pesares de que se despraza non muta porque Kyle está atrapado nunha época que lle produce dor ao mesmo tempo que lle regala recoñecemento artístico e lle proporciona un medio de vida.