ROBERT MAPPLETHORPE & EDWARD WESTON

“A función segue á forma”

O formalismo que se desprende dos traballos de Edward Weston e Robert Mapplethorpe consegue unir a dous fotográfos nados en épocas ben distintas. Imaxinar a Robert Mapplethorpe viaxando por México nos anos 20 e a Weston convivindo no Hotel Chelsea nos 70 faise tan raro coma delicioso. Se puidesen conversar de fotografía, como de cinema o fixeron Truffaut e Hitchcock, compartirían inquedanzas e gustos, ou pola contra negarían calquera casualidade compositiva ou temática común?

Tina Modotti e Diego Rivera experimentaron ante a estrana beleza das fotos de Weston un punzamento que os atravesaba e fería, non estaban moi lonxe do punctum que Barthes definíría medio século despois no magnífico ensaio“A cámara lúcida”.

Mapplethorpe amosaba unha parcela do mundo que poucos se atrevían a mirar de fronte, facía xermolar nas galerías e salas de exposición o que nos sotos da cidade estaba a acontecer. Fotografaba instantes de alto contido erótico como unha sorte de rebelión ou desafío contra o politicamente correcto, disparando directamente cara a moralidade da  sociedade norteamericana.

Para desfrutar da súa obra hai que aprendelos a amar e hai que comprendelos nas súas rarezas, perversidades e inquedanzas. Con todo, foron incapaces de pasar inadvertidos e culpables de deixar pegada na historia da fotografía dando a coñecer a súa contorna e o seu peculiar modo de vivir e de mirar.

Retratos de amizades ou persoeiros, corpos tratados como obxectos e naturezas mortas  son os seus temas máis recurrentes. Empregan sempre fondos neutros, e crean a atmosfera cunha luz suave e homoxénea que realza a pel e a superficie das cousas, xogan cos volumes, coas texturas e a través da dirección das liñas conseguen composicións ateigadas de sinxeleza e harmonía.  O erotismo, unhas veces amosado sutilmente, outras dun xeito máis directo e palpable, rebosa nas súas fotografías sendo o máximo protagonista na meirande parte delas.

foto 02

No exemplo da cuncha e da flor queda reflectido o dito e reforzada a idea de paralelismo na creación dos autores. Aprécianse nelas representacións fálicas e lévannos a pensar de xeito directo no corpo humano como obxecto de desexo e contedor de erotismo. Cun formato case igual, cun fondo neutro e cun  punto de vista frontal onde a luz remarca as formas e a textura crean imaxes tan semellantes que parecen formar parte da serie dun mesmo autor.

Tamén presentan aspectos comúns as obras tituladas como“Harald Kreutzberg e “Rober Sherman”. Estamos neste caso ante dous retratos que a simple vista son case iguais, dende o punto de vista fisiolóxico dos modelos, a  forza e tensión que presenta a musculatura do colo fan pensar neles como a mesma persoa. Tecnicamente difiren ambas fotografías,  a luz natural contra a luz artificial, un punto de vista contrapicado contra o frontal, o alto e o baixo contraste…Porén, o punto de interese ao que nos leva a composición coincide, os autores condúcennos nunha viaxe en ascenso polos corpos moldeados, case podende tocar a pel e percibindo o tacto dos retratados.

foto 03

A seguinte parella de símiles, presentadas abaixo, resultan máis distanciadas entre si, sen embargo o atractivo deste paralelismo recae no tratamento que se lle dá ao corpo  desprovisto de humanidade. Anacos de carne retorcidos sobre si mesmos, desprovistos de rostro e de extremidades que son descuartizados polo propio aparello fotográfico. Tanto “Desnudo” como “Lydia (Cheng)”representan esa parte do traballo dos autores chea de elementos fálicos e eróticos , onde as liñas que conforman as modelos nos conducen ao lugar onde se agocha o sexo feminino, a fertilidade e o desexo. Aínda que pode resultar contraditorio co citado anteriormente, cargamos de personalidade á fotografía pero sempre dende un punto de vista carnal, non se trata dunha muller en concreto senón da muller como xénero ou da muller  simplificada a unha forma.

foto 04

foto 05

 

Se nos centramos agora nos seguintes exemplos, “Pemento nº 30”  e “Peito”, atoparemos unha gran diferenza que nace de todas as similitudes anteriormente citadas. Os obxectos do autor do grupo f/64  teñen máis que ver cos desnudos de Robert Mapplethorpe que calquera dos seus posados con modelos. A sexualidade e o volume que agroma do pemento está máis preto dos músculos da segunda fotografía que de calquera outra, porén está moi lonxe, por exemplo, do corpo extendido no deserto de“Desnudo. Oceáno”xa que se observa unha imaxe plana, sen contraste e carente de perspectiva. Se Weston non facía posar ás mulleres como obxectos sexuais, Mapplethorpe realza os corpos perfectos dos seus modelo-amantes para achegalos a un tipo de beleza clásica, ao estilo do David de Miguel Ángel.

foto 06

 

Se afondamos un pouco máis e  nos fixamos na forma de fotografar aos homes de cor negra, coma por exemplo á persoa que sae na obra  titulada como“Ken Moody, 1983”, vemos que este é tratado coma un escravo, o modelo posa cabizbaixo, coas mans dirixidas cara atrás e sumiso ás ordes do fotógrafo que coa súa cámara domina a escena, un pouco ao xeito de Leni Riefenstahl no seu traballo “Africa”, quen atopa nos membros das tribos figuras modélicas  que corresponden ao“debe ser”do clasicismo fascista.

foto 07

 

Por desgraza a conversa entre ambos nunca existirá e de certo nunca saberemos se a forma de crear imaxes estaba supeditada a principios artísticos comúns ou a un “querer ver” casualidades dende unha posición de espectador subxectivo.  Sexa o que sexa, Robert Mapplethorpe e Edward Weston foron capaces de perdurar a través do tempo coa súa obra sendo fieis a un estilo, a unha vida e a si mesmos.