Saída fotográfica “Fervenza do Toxa e Mosteiro de Carboeiro”. Video feito por  Pilar Abades

 

O 11 de xaneiro Chíscalle tivo a súa primeira saída do ano escollendo para tal ocasión dous dos enclaves máis emblemáticos da comarca do Deza e de Galicia: a fervenza do Toxa e o Mosteiro de Carboeiro. Participantes chegados desde Vigo, Carballo, Lugo, A Coruña e Ourense uníronse á expedición para descubrir os encantos do corazón da nosa terra.

As fervenzas recibíronnos con toda a súa forza nun grandioso espectáculo de auga e son que apenas nos permitiu achegarnos pero si desfrutar a distancia da vitalidade do salto. Percorrendo o cauce do Toxa ata a desembocadura no río que abandeira co seu nome á comarca desfrutamos de dúas intensas horas de fotografía e algún que outro accidente debido ao resbaladizo do terreo sen maior trascendencia que as risas dos presentes. A auga arremuiñábase ao noso paso conformando elegantes formas mentres buscaba o seu camiño a través das rochas e intensificando a cor verde tan característica da paraxe.
Desde alí dirixímonos ao Mosteiro, unha das máis destacadas obras arquitectónicas do románico serodio en Galicia. Con centos de anos como protagonistas e espectadores da nosa actividade adentrámonos entre as súas paredes e visitamos as localizacións máis achegadas onde a beleza invadiu os obxectivos e a fame os bandullos, sinal de que o percorrido chegaba á súa fin. No aparcadoiro do mosteiro os fotógrafos amosaron a súa satisfacción pola visita e o desexo de voltar en distintas estacións do ano para percibir os cambios da natureza nestos marcos de incomparable fermosura.