“Chíscalle Solidario”

“Chíscalle Solidario” é unha iniciativa da Asociación Cultural Fotográfica “CHÍSCALLE” que ten como finalidade colaborar coas institucións que dan apoio aos sectores da poboación que se atopen nunha situación máis desfavorecida. Sabedores dos tempos difíciles que moitas familias están a correr poñemos a fotografía ao servizo da comunidade para contribuir, aínda que sexa minimamente, a salvar as acusadas diferencias sociais propias da actualidade.

 

Esta iniciativa encamiñouse en primeiro lugar a colaborar co Concello de Lalín na súa campaña de Nadal “Nengún neno sen xoguete”, a través da cal facilitaremos material escolar ou de calquer outra natureza segundo as necesidades detectadas e postas en coñecemento pola Concellería de Benestar e máis pola de Cultura.

 

O método de recadación consiste na venda de calendarios de sobremesa elaborados con fotografías ofrecidas desinteresadamente por diversos afeccionados e colaboradores da Asociación. Os calendarios son vendidos polos membros de Chíscalle e contamos ademais con un punto de venda no casco urbán de Lalín: a Libraría Vagalume.

 

A un prezo inicial de 2,50 € a acollida por parte do público foi moi satisfactoria agotándose en poucos días a primeira tirada de 200 calendarios. Agardamos seguir colaborando coas diversas entidades comprometidas coa igualdade e o benestar social e seguir tendo o apoio de tanta xente a favor de causas que, como esta de Nadal, contribúan a desatar os sorrisos, manter a ilusión e aportar un pequeno gran de area na difícil pero non imposible tarefa de facer un mundo máis xusto e mellor.