O vindeiro sábado, día 1 de febreiro, terá lugar no espazo expositivo do Auditorio Municipal de Lalín a exposición organizada por Chíscalle. Baixo o título de “A Diario” descubriremos o traballo de Fran Nieto e Anabel Viñas (coautora de “A Diario”). A presentación está prevista para as 20:00 h e a mostra permanecerá exposta ata o día 28 de febreiro.

 

En “A Diario” únese Anabel Viñas a Fran Nieto para dar conta das tres dimensións espaciais e unha temporal que podemos atopar no mundo real.Cando estas son trasladadas ás noticias dun xornal esas catro dimensións comprimen o alto e ancho dun papel coa axuda da inmediatez que precisamos consumir cada día. Para esta exposición recuperaron a tres dimensións espaciais da noticia, dándolles o volume que no seu día tiveron insuflando osíxeno ao papel, sempre aplanado polo enorme peso da rotativa.

Cando o espectador ve o resultado de cada fotografía retomarán tamén a súa dimensión temporal, coa espeanza de que cando vexa de novo un xornal pense detidamente que tras cada sección se agocha unha realidade repleta de sentimentos, sensacións, alegrías e, a veces, por desgracia, auténtciso dramas da vida real, da realidade nas súas catro dimensións.

 

Os autores

Fran Nieto é profesor de fotografía, especializado, sobre todo, en temas de iluminación, paisaxe, naturaza e técnicas avanzadas de macrofotografía. A súa auténtica paixón é a divulgación do coñecemento fotográfico e imparte cursos a todos os niveis.

 

Anabel Viñas é unha auténtica artesana que domina multitude de disciplinas e que foi capaz de dar vida ás noticias cunhas simples tesoiras e, nalgún caso, algo de pegamento.